Thursday 25 de April de 2024

A fase final dos Orzamentos Participativos contará con votación presencial en diferentes espazos da Coruña


A campaña ‘Na Coruña contas’ acadou a participación máis alta das súas cinco edicións

A cidadanía pode elixir entre as propostas finalistas ata o 24 de novembro

Os Orzamentos Participativos da Coruña contarán por primeira vez con puntos de votación físicos na cidade. A fase de votación final comezou este mércores 17 e rematará o 24 de novembro. As coruñesas e coruñeses que queiran participar poderán facelo na páxina web ‘Na Coruña Contas’ e a través das urnas.

Os puntos de votación físicos estarán o sábado 20 na praza de María Pita, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas; o luns 22 no Fórum Metropolitano, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas; e o mércores 24 no Centro Ágora, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poderán votar nesta fase final. Cada persoa pode votar unha ou varias propostas para toda a cidade e unha ou varias propostas ata o importe total asignado a cada distrito censual, nun máximo de tres distritos da súa elección. Os importes máximos son de 1 millón nas propostas de cidade e de 150.000 euros nas propostas de distritos.

En caso de votar a través de Internet, as propostas votadas co seu custo visualízanse nunha barra da páxina web e pódense modificar en calquera momento ata que remate a fase de votación, incluso cancelar os votos dalgún ou de todos os distritos elixidos para votar noutro ou outros distritos.

O proceso de selección das propostas finalistas fíxose segundo os apoios conseguidos por cada unha na segunda fase. Nas propostas de cidade, seleccionáronse aquelas que obtiveron polo menos 90 apoios da cidadanía. No caso das propostas de distrito, pasaron á última fase as catro con máis apoios.

Os Orzamentos Participativos do 2021 foron os que acadaron unha maior participación das cinco edicións realizadas. Un total de 3.005 persoas participaron no proceso e apoiaron as diferentes medidas propostas pola cidadanía. Na segunda fase houbo un total de 22.673 votos emitidos. O dato de participación é un 67% máis que hai dous anos, cando participaron 1.799 persoas. Ademais, é un 35% máis alto que o dato do 2018, que eran ata o de agora os Orzamentos Participativos con máis participantes.

“Estamos moi satisfeitos co desenvolvemento deste proceso, que nos permite ás coruñesas e coruñeses ter voz propia en asuntos relevantes para o futuro da nosa cidade. A participación ata o de agora desta edición amosa a implicación da cidadanía. Animo a que, nesta terceira e última fase, continúe a implicación de todas as partes”, sinalou Yoya Neira, concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación.

A votación rematará o próximo día 24 de novembro. Unha vez pechada, os resultados finais serán anunciados polo Concello da Coruña entre os días 26 e 30 de novembro.